Esta semana toma posesión o primeiro goberno independentista da historia de Catalunya. Non só independentista de ideoloxía ou de proxecto político, senón cun mandato democrático explícito para comezar a construír a República catalá. Este feito é posible do único xeito que podía selo: con xenerosidade e mediante un pacto entre todas as forzas políticas independentistas. A tenacidade de ERC, a xenerosidade de Mas e a coherencia da CUP. A independencia pasa por una colaboración -non exenta de friccións- continuada e de boa fe das tres principais correntes do independentismo.

Pero o goberno de Carles Puigdemont afronta tres grandes retos que deberá resolver (total ou parcialmente) en soamente 18 meses. No goberno estarán independentes propostos por ERC en asuntos chave como é o caso de Toni Comín (na carteira de Saúde) e Raül Romeva (conselleiro de relacións internacionais). Oriol Junqueras ocupará unha importante vicepresidencia, baixo a cal xestionará a consellería de economía e facenda. Pola súa banda, a converxente Neus Munté será portavoz do goberno e conselleira de presidencia.

A primeiro reto ao que se enfronta o goberno independentista é a construción das chamadas estruturas de Estado. O punto máis importante vai recaer sobre a vicepresidencia de Junqueras, que asumirá a consecución da Facenda catalá, coa misión de recadar os impostos dos cataláns por parte da Generalitat. Este aspecto desbloquearía todo o resto de áreas de goberno, xa que na actualidade, e segundo declaracións do propio presidente de ERC, o goberno catalán só recada o 5% dos impostos que pagan os cataláns. Sen autonomía financeira, o futuro Estado catalán non é viábel. Por iso tamén Junqueras fala a cotío da posibilidade (confirmada por Frankfurt) de que o Banco Central Europeo poida comprar débeda das Comunidades Autónomas no mercado secundario, feito que faría menos dependentes as finanzas da Generalitat do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) e, en definitiva, das condicións que impoña o Ministro de Facenda español (Montoro ou quen veña a substituílo). Para esta faceta Junqueras escolleu a dous membros da súa Executiva, a Lluís Salvadó para a Secretaría de Facenda e a Pere Aragonès como Secretario de Economía.

O segundo gran reto é o de culminar a folla de ruta e validar democraticamente (malia as trabas que haberán) un proceso constituínte capaz de ampliar as fronteiras do independentismo. Sen dúbida, a independencia non se pode conseguir soamente cun 48% dos votos nunhas eleccións a un Parlamento autonómico. A folla de ruta de Junts pel Sí prevé un referéndum da Constitución catalá que sexa a validación definitiva do proceso e a acta fundacional, polo tanto, da República. Para que isto sexa posíbel o goberno da Generalitat terá que sumar ao máximo número de actores na construción e definición dese novo Estado. A abertura dun proceso constituínte cidadá facilitará a participación dos sectores máis federalistas (ou independentistas condicionais) na definición e nos debates previos ao texto constitucional. Especial relevancia terá o rol da xente de En Comú, o grupo político de confianza de Ada Colau, que conta con independentistas coma Jaume Asens ou Gerardo Pisarello nas súas filas. Na medida en que o texto constitucional sexa refrendado amplamente, a comunidade internacional non poderá negar a lexitimidade do proceso independentista. De feito, o propio goberno belga xa fixo públicas as súas discrepancias en relación a un hipotético recoñecemento dunha Catalunya independente. O traballo do goberno Puigdemont (e sobre todo do conselleiro de Exteriores Romeva) será principalmente contar como se está a construír o Estado catalán, buscando complicidades no marco da Unión Europea (mais non só).

En terceiro lugar hai que destacar un aspecto importantísimo, moi ligado aos dous primeiros retos que citaba anteriormente. Trátase da consecución dun plan de choque social, capaz de reducir a desigualdade e de perdurar no tempo como un sinal de identidade do proceso independentista. A CUP ten moito a ver coa entrada deste plan na axenda pública, pero o propio programa de Junts pel Sí xa prevía moitas das medidas que finalmente se tomarán. O certo é que se é posible constituír unha Facenda capaz de recadar un alto porcentaxe dos impostos, a consecuencia automática será unha maior cantidade e efecto das políticas sociais. Por outra banda, se estas políticas sociais se converten en bandeira da Nova República, será máis doado amplificar a maioría política independentista e incorporar a sectores federalistas na fundación do novo país.

Certamente, sobre o papel, non semella doado conseguir este cometido. Sen dúbida haberá moitos actores capaces de influír sobre estes aspectos (os mercados internacionais, a capacidade de Catalunya de acceder a crédito ou incluso a tarefa de goberno de Colau en Barcelona) pero, de momento, a pelota está no tellado dos propios independentistas, que deberán facer realidade unha folla de ruta excepcionalmente complexa (polo momento actual e pola dificultade dos obxectivos). Como din na famosa saga cinematográfica de moda, que a forza nos acompañe.

Article publicado orixinalmente  no semanario Sermos Galiza (PDF).

Si vols llegir-lo en català, vés aquí

1 Comment

Deixa un comentari

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

Esteu comentant fent servir el compte WordPress.com. Log Out /  Canvia )

Twitter picture

Esteu comentant fent servir el compte Twitter. Log Out /  Canvia )

Facebook photo

Esteu comentant fent servir el compte Facebook. Log Out /  Canvia )

S'està connectant a %s