Podes escoitar o que falamos sobre “O que Arde” no Galiza…Algo Máis (@GZAlgoMais) no seguinte audio.

A ver, sexamos claros, o director de cine ten bastante máis talento ca min. Pero tentarei explicarme.

O outro día tiven ocasión de ir ver a película -en Barcelona- do citado director francogalego, “O que arde”. Comparto as críticas positivas que recibiu a longametraxe. Por un lado, a autenticidade do entorno e a construción das personaxes convírtea nun produto certamente realista e interesante. Polo outro, a coidada fotografía e a bela factura técnica –banda sonora, planos hipnóticos, etc- fan que o filme sexa esteticamente impecable.

Pero eu non son crítico de cine, así que renunciarei a facer unha crítica desta película. Porque non vin nin o cine suficiente nin tampouco coñezo ben a obra cinematográfica de Laxe.

Si puiden fixarme na mirada do director. Nos detalles que lle chaman a atención e que destaca, de xeito case imperceptíbel, durante a narración da historia. Laxe, fillo de galegos nado en París, conecta co rural galego perfectamente. Amosa unha cociña de ferro, unha –superclásica- taza de latón, fouces, como se desatasca unha fonte de auga, un enterro, os nomes das vacas… Incluso ten tempo para retratar o ton burlesco dos comentarios cara a Amador, o protagonista. Detalles de alguén que coñeceu o medio rural galego cos ollos e a fascinación de quen o mira dende fora.

A relación entra as dúas personaxes principais non escapa a esta mirada allea, pero propia ao mesmo tempo, que Laxe ten na súa condición de galego do exterior. A emotividade desborda a pantalla pero, ao tempo, nai e fillo nunca fan explícitos os seus sentimentos. A primeira escena da película mostra o que sen dúbida é unha experiencia –propia ou allea- de impacto emocional; a tremenda habilidade do pobo galego para ignorar deliberadamente os sentimentos e substituílos por unha pregunta total. Tes fame?

Os ollos de Laxe fíxanse exactamente no mesmo no que eu repararía. Os detalles estéticos, os zapatos novos para ir á vila, o rosmóns que son os dous protagonistas… Esa Galicia enigmática e incríbel que de tan enigmática e incríbel é rexeitada -por veces- con forza polos que estamos fora. Porque “O que arde” retrata o drama do lume, pero tamén a aversión ao cambio e o conservadurismo dunha sociedade parada no tempo.

Esa distancia crítica –incluso corrosiva- mestúrase coa admiración e o respecto ás tradicións e á vida do medio rural galego. Eu compártoa. Esa Galiza que tantas veces fascina e tantas outras –ou máis- fai sentir dor, xenreira e mesmo asco.

Deixa un comentari